viernes, 9 de septiembre de 2011

Carreira popular Santa Uxía

250 CORREDORES ADULTOS PARTICIPARÁN ESTE SÁBADO NA DÉCIMO CUARTA EDICIÓN DA CARREIRA POPULAR DE SANTA UXÍA

A PROBA SERVIRÁ PARA DIRIMIR OS GAÑADORES ABSOLUTOS MASCULINO E FEMININO DO CUARTO CIRCUÍTO DE CARREIRAS POPULARES CONCELLO DE RIVEIRA

A 14ª edición da Carreira Popular de Santa Uxía volta o 10 de setembro ás rúas da cidade riveirense cun importante cambio con respecto a convocatoria anteriores. Ese día tan só competirán as categorías adultas, é dicir, os corredores nados ata o ano 1993 ; mentres que os de menor idade o farán o día 1 de outubro co obxectivo de aproveitar o inicio a próxima semana do curso escolar para facer unha maior difusión do evento e sumar máis participantes.

Entre as sete categorías que se darán cita este sábado (é dicir, as modalidades júnior, promesa, senior, pre-veteráns, veteráns A, veteráns B e master) hai inscritos 250 participantes e a organización aspira a reunir entre 800 e 900 persoas en total se se teñen en conta as seis categorías inferiores que participarán o 1 de outubro: pitufos, banxamín, alevín, infantil, cadete e xuvenil.

O evento está organizado polo Concello de Riveira coa colaboración da Asociación As Miñoteiras, A Poutada, New Balance, Coca-Cola e os promotores das outras tres probas que compoñen o cuarto Circuíto de Carreiras Populares: A Guía, O Corgo e Artes. O concelleiro de Deportes Juan Luis Martínez xunto co técnico municipal Miguel Ruiz foron os encargados de explicar os pormenores da celebración.

A cita do sábado dará comezo ás 18.30 horas na Avenida do Malecón á altura da oficina de Turismo e constará de 3 voltas de 3.333 metros cada unha polo casco urbano. Con respecto ao percorrido do ano pasado, eliminouse o tramo que se realizaba polo peirao comercial.

Entre os 250 deportistas inscritos destaca a presenza da gañadora do ano pasado, Ercilia dos Santos Machado (o vencedor masculina fora o lituano Roberta Geralavicius), e dunha nutrida representación de atletas portugueses así como do triatleta Javier Fontao.

Mérito deportivo

Cabe salientar que a firma patrocinadora New Balance escolleu este acontecemento para facer entrega do trofeo ao mérito deportivo por toda unha carreira a un corredor que será desvelado no acto protocolario de entrega de trofeos.

A proba servirá ademais para dirimir o vencedor da cuarta edición do Circuíto de Carreiras Populares Concello de Riveira. Nestes momentos, na modalidade masculina o atleta local Ramón Folgar avantaxa en 70 puntos a Ernesto Buceta; mentres que na feminina as posibles aspirantes son Isabel Saez (2.940 puntos), Marinela Caamaño (2.900 puntos) e Silvia Deira (2.800 puntos).

A organización quere solicitar a comprensión aos veciños polos cortes de tráfico que se van producir (principalmente no Malecón) e agradecer o apoio dos patrocinadores e colaboradores, así como de Protección Civil e da Policía Local.

No hay comentarios: